9.11.2006

 

silenzo

este ano, a diferenza doutros, non o anunciei.
ese día o meu móbil (salvo honrosas e sorprendentes excepcións) foi só silenzo.

9.08.2006

 

un máis

31

9.05.2006

 

arte


vin isto. aínda tremo

8.29.2006

 

xenética

contándolle un día á madriña, do xeito máis inocente do que son capaz, as miñas evolucións e peripecias como nadadadora amateur nas piscinas do bairro do lado, ela veuno claramente. o xen competitivo, digo. coma se falasemos de chícharos, dixo que era un xen dominante do meu carácter. engadiu, con bo tino que “se nen na piscina non es quen de evitar o pique cos que nadan na rúa do lado, é que o do teu xen é cousa seria”
de non ser por ese xen, se cadra non remataba este mes de agosto como o remato: con menos sensación de vrao que nunca, baldada como poucas veces e cos miolos preto de estourar en máis dunha ocasión. pero despois do medio ano na ciutat, con hibernación profesional (ergo xenética) incluída, sei que se me dan a elixir entre telo ou non telo, escollo telo. e hipertrofiado se fai falta..
agora, iso si, durante catro ou cinco días, gardareino no caixón mentres tome viños co pisuergo e me deixe (por fin) perder entre as rúas de bilbao e os seus ocasionais habitantes rusos.

 

en construcción

Andamos cada un de nós nunha historia nova: uns de mudanza, outros de mcgivers e en expectativa de destino, uns perdendo o sentido, outros cunha indecisión impropia destas alturas do ano e outras coas maletas a punto de pecharse.
só rompen a harmonía deconstruída do momento dúas persoas: o un porque andará outra vez coa pelotiña ás voltas o próximo inverno, o outro porque o seu cambio si que parece que vai en serio (claro que tamén o parecía o daqueles ...)

8.18.2006

 

temor e tremor (lume VII)

cando despois dunha catástrofe coma a que vimos de vivir, escoito ao conselleiro de turno falar da "capacidade de autorexeneración de...nosas rías, nosos montes, nosa paisaxe.....tremo. é o primeiro e inequívoco sinal de que mal empezamos.
se tiveramos nós a metade de capacidade de autorexeneración que se lle presupón á nosa natureza...
nós, que agora que agroman xunto coas mensaxes do solidarios e boa xente que somos, as promesas de cartos frescos é fáciles, non deberíamos esquecer que tamén (e seguramente sobre todo) somos isto. si, si, somos isto e así nos vai.(grazas dpaso)

8.16.2006

 

queixumes dos pinos (lume VI)

Mentres na ghalleira hai quen lle dá voltas á seseira para saber quen somos ou deixamos de ser (¿fillos de breogán?), para saber o nome que temos ou deixamos de ter (¿nazón de breogán?)[(coma se nos importase quen nos pariu e como nos chamamos)], no xornal que lin antonte acompañando o café con leite das 11.00, alguén con bastante tino, dicía que despois de computar o que ardera, deberamos ir pensando en cambiarlle a letra ao himno:...que din os rumorosos, nas costas ¿verdescentes?....

 

free and alone

Con ángel gonzález e seis botellas de mahou baleiras por testemuña, lembro como lle dixen a s nunha daquelas noites (noites, por outra parte, tan lonxanas) que o prezo que había que pagar pola liberdade era a soidade, soidade que sempre agarda detrás dunha esquina e que aparece sen que ninguén a chame, chega con que sopre un pouco o vento. falando para ela, falaba para min. eu estaba na euforia estival que se me aparece os últimos anos con trazos inconfundibles: o sol, os primeiros días de praia, as primeiras cañas nas terrazas, as primeiras horas roubadas ao sono e, sobre todo xente nova e distinta que trae un telescopio co que cambiar a ollada sobre o meu (micro)mundo. Dicindo o que dicía estábame lembrando que había que ter forza dabondo para poder agarrarme cando o vento zoase tan forte que me puidese levar mar adentro.
O primeiro dos síntomas dese puto nordés foron as poucas ganas de ir á praia; o segundo foi non ser quen de disimular o mal humor nas poucas veces que nestes meses estiven cos meus amigos; o terceiro, a procura inconsciente pero intencionada de conversas superficiais ou en terceira persoa; o cuarto, non dar acougado de todo na casa de tine’s village; o quinto, os infinitos repasos pola axenda do móbil buscando non sei que...e así mil e un síntomas.
buscar as causas é como buscárllelas aos lumes destes días: poderei dar milleiros de respostas epidérmicas (exceso de choio, exceso de horas no castelo, agotamento físico ou do outro, podo dicir simplemente que xa tocaba, que é este vrao sen vacacións,...); as causas fondas quizais non as coñeza ou quizais, coñecéndoas, sexan demasiado impertinentes para este mes de agosto.
Con ángel gonzález e seis botellas de mahou baleiras por testemuña, lembro como lle dixen a s...

8.11.2006

 

nunca máis (lume V)

Contra o "terrorismo incendiario" reactívase a Plataforma Nunca Máis

"Lume Nunca Máis. Paremos o terrorismo incendiario. Por un cambio de rumbo nas políticas para os nosos montes". Con ese triple lema, a comisión xestora da Plataforma Nunca Máis anuncia a reactivación da plataforma cidadá e a convocatoria dunha manifestación en Santiago de Compostela para o domingo 20 de agosto ás 12h. Moitos dos integrantes do colectivo xa veñen participando nas concentracións que estes días tiveron lugar en varios puntos do país e agora traballan para a reactivación da rede de colaboración entre centos de asociacións de todo o país e fai un chamamento á sociedade galega a mobilizarse activamente contra o terrorismo incendiario.

 

ourense(lume IV)

sen palabras.

8.10.2006

 

edelmiro (lume III)

A revolución agrícola en Galiza foi tardía, abrupta e inacabada.
Este foi o comezo dunha das mellores clases ás que tiven a sorte de asistir en toda a miña vida académica. a materia era Estrutura Económica de Galiza; o curso 3º de Economía; o profesor era el.
Durante máis de 10 anos falei e falei polos bares de humidtown do meu profesor dicindo que, si chegado o momento do cambio non contaban con el para opinar do agro do noso país, é que estaban todos tolos.
O cambio polo que tanto devecíamos chegou, e contaron con el.
Nas aulas, o mestre falábanos da situación dramática que se estaba producindo no agro; da brutal despoboación que tiña lugar segundo a segundo, das nefastas consecuencias do (mono)cultivo forestal, do abandono do monte... a súa análise era ordeada, profunda, seria, clarividente. facíanos pensar e rabuñaba e rabuñaba nas nosas cabezas –polo menos na miña- para que víramos a gravidade do problema, e tamén o difícil que podería ser dar marcha atrás. e daba solucións. solucións complexas -como os problemas-. solucións valentes.
cando os botamos, unha das maiores alegrías que levei co cambio (a outra xa a sabedes, i guess) foi saber que para intentar o desenvolvemento rural da ghalleira, el tería algo que dicir.
pasou un ano xa; agora as lapas dos lumes que nos queiman por dentro non nos deixan ver nada. teño a esperanza de que o escoitaron, teño a esperanza de que falou , teño a esperanza de que os efectos das medidas que adoptou veranse a medio/longo prazo, teño a esperanza de que a arañeira que pode chegar a ser a administración non puido con el. en fin, que aínda teño algunha esperanza.
Edelmiro: we need you.

8.08.2006

 

preguntas e respostas (lume II)

Nas últimas conversas que teño con cesare (moitas e longas) non aparece a persoa que sempre pon luz cando pensa en alto, que é quen de ter os ollos en moitos lados par eliminar as repostas doadas ás preguntas complexas. fágolle a pregunta totalmente desconcertada, cegada, indignada, cabreada, triste: ¿ quen lle prende lume ao monte?. cae unha botella de viño enteiriña nunha cea con menos gargalladas do habitual, aparecen a marquesa e barreiro rivas con máis preguntas e poucas respostas. escoitamolos: nada, non entendemos nada.
cesare non cre na teoría da conspiración pero non sabe moi ben por que; eu si que creo, pero tampouco sei a causa da miña fe
(e aínda por riba, meteogalicia ven con estas)

 

preguntas e respostas (lume I)

Onte, mentras ceo con cesare na de arghallante máximo, entra esta sms no meu nokia: Din que galiza arde e ¿ onde están os de NUNCA MÁIS?
remítemo a filla pequena do alcalde do meu pobo.
nen as lapas que nos fan cinza por dentro estes días, poden coa súa xenreira.
á pregunta: buscanse respostas.

7.14.2006

 

bascuas

eu xa o sabía antes de subir ao coche. o mellor de ir a bascuas eras ti.

7.12.2006

 

curso 2006-2007

teño tantas ganas de bloguear coma de viver. o que non teño é vagar.
sempre pensei que o máis duro do curso era o final e agora con 30 anos e pico comprobo que é o comezo.
pero tamén hai boas novas: el xa está aquí. ela seguirá estando cada día mellor.

6.28.2006

 

1 ano

xusto a noite en que aparecen españois debaixo das pedras, en que a praza de colón está en silenzo (por fin, joder), en que cesare pinta a súa cara cunha bandeira galega e outra francesa (allez les bleus) .xusto esta noite é a noite do aniversario.

6.23.2006

 

los heraldos negros

Hay golpes en la vida, tan fuertes... Yo no sé
Golpes como del odio de Dios; como si ante ellos,
la resaca de todo lo sufrido
se empozara en el alma... Yo no sé

Son pocos; pero son... Abren zanjas oscuras

en el rostro más fiero y en el lomo más fuerte.
Serán tal vez los potros de bárbaros atilas;
o los heraldos negros que nos manda la muerte.

Son las caídas hondas de los Cristos del alma,

de alguna fe adorable que el Destino blasfema.
Esos golpes sangrientos son las crepitaciones
de algún pan que en la puerta del horno se nos quema.

Y el hombre... Pobre... pobre Vuelve los ojos,
como
cuando por sobre el hombro nos llama una palmada;
vuelve los ojos locos, y todo lo vivido
se empoza, como un charco de culpa, en la mirada.

Hay golpes en la vida, tan fuertes ... Yo no sé

 

resistencia

mentres uns andan por alá e outras por aló, en humidtown resistimos uns cantos tentando levantar o país e loitar contra estas hordas de guiris que amenazan con deixarnos sen sitio nas nosas terrazas preferidas. no medio dun tornado laboral que parece rematará a semana que ven o repouso aparece nas vellas aficións de sempre: o fútbol (como case sempre discrepo de cesare que como adiviño non ten prezo), os libros. a ruleta non dá decidido se na noite de san xoán xogarei a negro ou vermello, pero pouco importarán hoxe as cores e as formas. mañá, cando nos ergamos, o mundo será un caleidoscopio.

6.19.2006

 

¿en qué momento se jodió el perú?

por riba das súas infinitas mezquindades persoais, das inmensas discrepancias ideolóxicas e do desprezo que me merecen as súas pedras de toque, sempre defendín (e sabeo ben o pequeno saltamontes) que a obra de vargasllosa era superior á de gabo. lembro como me caeron as bágoas ao ler as tres primeiras páxinas de cen anos de soidade (e as tres seguintes, e as outras tres máis); lembro como lin a crónica da morte anunciada sen respirar e lembro como busquei parecidos razonabeis nos síntomas do amor colérico de florentino ariza. despois disto, que é inmenso, nos seus libros só atopei silenzo.
subindo as montañas de prexuízos que tiña na adolescencia (que eran moitas e moi importantes) collín as historias de mayta que me deixara meu avó e na miña imaxinación (tamén adolescente) fíxenas miñas; utilizando como pretexto o peixe na auga que vin nadando a través da ventá dun R11 lanceille o primeiro anzó a fly-fishing e empecei a entender algo da miña vida e, ao tempo, daquel xapo sinistro; nunha habitación de prestado do esteiro da vila acompañei o meu insomnio con xefes e cachorros que nin eran tan xefes nin tan cachorros; lin con máis pena que gloria aquel libro da sonrisa vertical, pasei unha primavera en ciudad-ajo, tumbada no botánico e na praza do reina sofía coa tía julia (tamén estaban aqueles fermosos e malditos pero agora isto non ven a conto); pero por riba de todo, hai unha frase que non hai mes que non se me veña á cabeza, que non me traia ao país que vivo, que non me leve a coller o libro, a buscala, a atopala: ¿En qué momento se jodió el Perú?, pregúntase Zavalita unha e outra vez durante as 736 páxinas da novela. un comezo demoledor. pasan páxinas e nas respostas, non só se fodeu o perú, tamén se fodeu zavalita, foderonse os soños, fodeuse o amor, fodéronse as solucións e, o peor de todo, foderónse as esperanzas.
varios libros despois volto a vargasllosa e ás travesuras dunha nena mala e con cada páxina que paso, con cada páxina fácil, evidente, obvia, predecible e superflua fágome a pregunta: ¿en que momento se jodió vargasllosa? se cadra foi coa lituma nos andes, ao mellor cos cadernos de don rigoberto, ao mellor coa súa propia podremia moral, se cadra foi o nobel que non lle chega. non sei cando. non sei por que, pero sen nada novo que contar, como vería a calquer outro escritor, hoxe vexo a este ghicho francamente fodido.

6.13.2006

 

trópico

anda henry miller facendo das súas polos cuartos da casa, anda ferrater convidándome a gintonics, anda javier ruibal metendo cádiz polas fiestras, andan a cervexa e a nicotina empapando as miñas cañerías, anda a ilusión do mellor brasil da historia flotando polos aires, andan os proxectos de vacacións sen coller xeito definitivo, anda a miña veciña favorita espremendo laranxas e limóns de domingos pola tarde, anda fly-fishing (again and again), anda o corazón que non se atopa ou non se quere atopar, anda a falta de sono, anda o exceso de vida, andan os tobogáns no estado de ánimo. caen chuzos de punta. pero é vrao.

6.12.2006

 

noxo

despois da tormenta ven a calma. calma que chega de repente, como se vai. calma que chega a pesares de que unha das frases desta fin de semana foi: me das asco.

6.08.2006

 

pregunta

¿unha postea cando está viva, ou está viva cando postea?

6.07.2006

 

digo

Despois de bastante tempo quedo con cesare pra xantar no de sempre. a súa mente aberta, ve aperturas onde non as hai (polo menos de momento: dicía aquel que a longo prazo todos estamos mortos, así que dificilmente sei o que me pode pasar). aclárolle que cando falo do que falei non estou dicindo que teña bolboretas no estómago, nin que trema, nin que perda a fame. Non falo de amor, polo menos non dese amor; falo dun xermolo de amizade. e sei que a poesía está para a prosa assim como o amor está para a amizade. e quem há de negar que esta lhe é superior.

6.06.2006

 

que pasa?

Pasa ás veces, que sen buscalo atopas unha alma xemelga. pasa que aparece algúen-home ou muller-que sen saber como, dálle corda ao reloxio do teu mundo. pasa que te ves, pasa que te ven. pasa que será futuro, pasa que é presente, pasa que foi pasado.
aquel martes laborable entrou unha mensaxe no meu nokia con dúas palabras definitivas: e agora?. foi o paso previo ás cañas e ás risas compartidas con s, primeiro nun bar, logo noutro, e logo noutro máis. pasa que parece que nos parecemos, e pasa que se resulta ser certo (e todo apunta a que si), e explosionamos e implosionamos tan a lo bestia, é demasiado difícil saber que será de nós dentro dun ano, dun mes, dun segundo: agora.
pasa que non se sabe que pode pasar cando os coches das montaña rusa da vida non viaxen acompasados. pero tamén pasa que agora, estamos nisto que estamos estando,
e mentres lle mido as costelas ao futuro, podo dicir que hai noites que son nós cósmicos de mudanza. é que aquela do martes foi unha delas.

 

neighbours

A vida é tan flipante,
pero tan,
tan, flipante,
que,
cando non o esperas,
no cruce de camiños que é o meu bairro,
aparece xente coma
ela.

5.05.2006

 

a verdade

a verdade , despois de ler estas cousas, creo que debo deixar este conto. e darlle o espazo que libro ao talento doutros.(bueno, se cadra volto o día 17 de maio).

4.21.2006

 

adicado

ao final a nova terrible foi só unha mala nova.
a mala nova quedou nun susto.
o susto logo será un recordo.

4.20.2006

 

never end.

que non remate nunca.
ás veces a vida é fútbol.

 

tempos modernos

onte, despois de moito tempo, (un ano?) traballo falando e falo traballando con acalycanto. durante máis dunha hora. pasa que ao mellor estoulle dando unha importancia xigantesca a algo que non a ten, pero en ningún momento me fai notar que é así; todo o contrario, parece que coincide conmigo en que o urxente pode ser inimigo do importante. o prezo de todo isto é sair do choio pasadas as nove da noite pero teño a cabeza máis sentada, as costas máis anchas e o corazón máis ledo. traballar a gusto é , por riba de todo, o factor máis importante da miña produtividade laboral.

4.17.2006

 

agora

Despois de dous meses por aquí, unha breve visita a greenland coa madrinha e delarosa (por certo, rexión ultranacionalista, polo que ouvín a batalla de covadonga está moi presente), un par de quilos máis dos que trouxen da ciutat , un descoloque profesional, no mellor dos casos, por novata, unha visita ás terras do eume, outra á recente filla duns amigos de little-xibraltar, unha chamada non contestada e un concerto non visto de t.p.h.b.d.(n.m), unha mudanza, unha bicicleta nova (grazas pandas), un paseo polo berce mesmo de sicilia (onde todo ten un prezo), un amago amargo de primavera e un novo libro de deus, creo agora que estou en condicións de voltar por aquí para que non me borren definitivamente no blogomillo e poida dicir que, polo menos, durei un ano.

2.22.2006

 

aviso


sigo viva. de feito, sigo máis viva que nunca.pero agora traballo por e para vos. e traballo moito. espero dentro de nada, facelo ben. porque me importa este país.

2.15.2006

 

grazas

pisuergos, btt, allariz, galeuzcos (sorry, nois), feiraco II, papparazzos, mariona: grazas pola compaña, polos consellos, polas risas, polos cariños, polos calçots e o trivial, e o ron e o guïske, por aturarme e, sobre todo, por ser capaces de que non me viñera abaixo cando estiven a piques de tirar a toalla. that's one from the heart.

 

6

foron xusto 6 meses.
volto a casa.

2.13.2006

 

???

¿onde tomarei as cañas o sábado que ven?

2.10.2006

 

con dios!

é tempo de caricaturas

2.08.2006

 

comandante

collo na bibilioteca da ciutat comandante de oliver stone, un documental-entrevista a fidel castro, do que se nos advirte que non foi necesario introducir ningun corte censor. como sempre que sae o tema cuba, véxome obligada a matizar as opinións para que uns non me chamen castrista (non, non o son) e outros gusana (non, non son). o director faille preguntas incansablemente ao comandante, que, tamén incansablemente, responde. o que vexo despois de 100 minutos é a un home vello, canso, orgulloso dos méritos da súa revolución (non serei eu quen llos discuta), que me dá a opotunidade de coñecer outro punto de vista sobre a morte do che, sobre a guerra de vietnam, sobre a propia revolución. pero por riba de todo vexo a un dirixente arcaico, alleo ao mundo, que fala do proceso de elaboración dos seus discursos, un home doutro tempo, doutro século, lento, retórico e que non contesta o que non quere contestar.
hai unha anécdota a conta dunhas zapatillas deportivas: o comandande calza unhas nike. alguén lle di que pertencen a unha multinacional norteamericana. fidel descoñece que nike exista, como tamén descoñece o que un membro do equipo de oliver stone lle di, que está denunciada pola explotación infantil masiva no sudeste asiático. ante iso fidel responde: ah! entón non crea traballo en norteamérica. ata parece que despois leva con máis orgullo as súas air.
(lars por se non me cre: isto está nos extras)

 

formigas

despois dun fin de semana gastronómico no que probei os calçots que tanto lle gustaban a meu avó, bebín licor de plátano a fartar e, por agotamento de tódolos xogadores (incluída eu) asinei táboas ao trivial, a ciutat amanece hoxe con luz de primavera e temperatura de inverno. o día é o tal: toca cadaqués.
conduzo o máis a modo que podo polo cap de creus e, polas fiestras do forito entran oliveiras de formas imposibeis, a serenidade do mar mediterraéneo e o inverno branco dos pirineos. cando chego a cadaqués inevitablemente lembro a vila. paseo e sento nun banco ao sol, protexida da tram
ontana que sopra, e mirando o mar, con axuda de philip roth deixo pasar o tempo.
cando o vento empeza a poñerse serio vou para o coche. poño the heart of saturday night de mr.tomwaits. cos primeiros acordes noto o formigueo de vrao por debaixo da lá do meu xersei azul.

2.07.2006

 

mahoma

farta de oir as opinións oh!ccidentais co tema de mahoma, que se a liberdade de expresión, que se os musulmáns non teñen sentido do humor que se sons uns fanáticos, que se iso aquí é impensable porque cada un pode dicir o que lle pete, que se patatín, que se patatán. farta de todo iso, reto a calquer xornal oh!ccidental que tanto defende estes días esa liberdade, a que saque en portada, por exemplo, unha caricatura do representante de deus na terra botando un polvo con outro home, como denuncia pola represión histórica e actual da igrexa para cos homosexuais. e ogallá me equivoque y la vean mis ojos

2.06.2006

 

tricornios (2ªparte)

co mesmo gc do outro día segue a conversa e, con ese toque condescendente que me fai ferver as tripas dime :
-eh! que yo tengo amigos gays, sólo que..., bueno...., ya saben que a mi su rollo...., que en fin.....
-traquilo hombre !- dígolle eu- tampoco será obligatorio que te acuestes con ellos.
-el: joder, tu mira que eres de pueblo......
en fin. a bos de entendedores sobran palabras, non? só espero que un día tropece con este blog, apto para paletos.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?