8.29.2006

 

xenética

contándolle un día á madriña, do xeito máis inocente do que son capaz, as miñas evolucións e peripecias como nadadadora amateur nas piscinas do bairro do lado, ela veuno claramente. o xen competitivo, digo. coma se falasemos de chícharos, dixo que era un xen dominante do meu carácter. engadiu, con bo tino que “se nen na piscina non es quen de evitar o pique cos que nadan na rúa do lado, é que o do teu xen é cousa seria”
de non ser por ese xen, se cadra non remataba este mes de agosto como o remato: con menos sensación de vrao que nunca, baldada como poucas veces e cos miolos preto de estourar en máis dunha ocasión. pero despois do medio ano na ciutat, con hibernación profesional (ergo xenética) incluída, sei que se me dan a elixir entre telo ou non telo, escollo telo. e hipertrofiado se fai falta..
agora, iso si, durante catro ou cinco días, gardareino no caixón mentres tome viños co pisuergo e me deixe (por fin) perder entre as rúas de bilbao e os seus ocasionais habitantes rusos.

 

en construcción

Andamos cada un de nós nunha historia nova: uns de mudanza, outros de mcgivers e en expectativa de destino, uns perdendo o sentido, outros cunha indecisión impropia destas alturas do ano e outras coas maletas a punto de pecharse.
só rompen a harmonía deconstruída do momento dúas persoas: o un porque andará outra vez coa pelotiña ás voltas o próximo inverno, o outro porque o seu cambio si que parece que vai en serio (claro que tamén o parecía o daqueles ...)

8.18.2006

 

temor e tremor (lume VII)

cando despois dunha catástrofe coma a que vimos de vivir, escoito ao conselleiro de turno falar da "capacidade de autorexeneración de...nosas rías, nosos montes, nosa paisaxe.....tremo. é o primeiro e inequívoco sinal de que mal empezamos.
se tiveramos nós a metade de capacidade de autorexeneración que se lle presupón á nosa natureza...
nós, que agora que agroman xunto coas mensaxes do solidarios e boa xente que somos, as promesas de cartos frescos é fáciles, non deberíamos esquecer que tamén (e seguramente sobre todo) somos isto. si, si, somos isto e así nos vai.(grazas dpaso)

8.16.2006

 

queixumes dos pinos (lume VI)

Mentres na ghalleira hai quen lle dá voltas á seseira para saber quen somos ou deixamos de ser (¿fillos de breogán?), para saber o nome que temos ou deixamos de ter (¿nazón de breogán?)[(coma se nos importase quen nos pariu e como nos chamamos)], no xornal que lin antonte acompañando o café con leite das 11.00, alguén con bastante tino, dicía que despois de computar o que ardera, deberamos ir pensando en cambiarlle a letra ao himno:...que din os rumorosos, nas costas ¿verdescentes?....

 

free and alone

Con ángel gonzález e seis botellas de mahou baleiras por testemuña, lembro como lle dixen a s nunha daquelas noites (noites, por outra parte, tan lonxanas) que o prezo que había que pagar pola liberdade era a soidade, soidade que sempre agarda detrás dunha esquina e que aparece sen que ninguén a chame, chega con que sopre un pouco o vento. falando para ela, falaba para min. eu estaba na euforia estival que se me aparece os últimos anos con trazos inconfundibles: o sol, os primeiros días de praia, as primeiras cañas nas terrazas, as primeiras horas roubadas ao sono e, sobre todo xente nova e distinta que trae un telescopio co que cambiar a ollada sobre o meu (micro)mundo. Dicindo o que dicía estábame lembrando que había que ter forza dabondo para poder agarrarme cando o vento zoase tan forte que me puidese levar mar adentro.
O primeiro dos síntomas dese puto nordés foron as poucas ganas de ir á praia; o segundo foi non ser quen de disimular o mal humor nas poucas veces que nestes meses estiven cos meus amigos; o terceiro, a procura inconsciente pero intencionada de conversas superficiais ou en terceira persoa; o cuarto, non dar acougado de todo na casa de tine’s village; o quinto, os infinitos repasos pola axenda do móbil buscando non sei que...e así mil e un síntomas.
buscar as causas é como buscárllelas aos lumes destes días: poderei dar milleiros de respostas epidérmicas (exceso de choio, exceso de horas no castelo, agotamento físico ou do outro, podo dicir simplemente que xa tocaba, que é este vrao sen vacacións,...); as causas fondas quizais non as coñeza ou quizais, coñecéndoas, sexan demasiado impertinentes para este mes de agosto.
Con ángel gonzález e seis botellas de mahou baleiras por testemuña, lembro como lle dixen a s...

8.11.2006

 

nunca máis (lume V)

Contra o "terrorismo incendiario" reactívase a Plataforma Nunca Máis

"Lume Nunca Máis. Paremos o terrorismo incendiario. Por un cambio de rumbo nas políticas para os nosos montes". Con ese triple lema, a comisión xestora da Plataforma Nunca Máis anuncia a reactivación da plataforma cidadá e a convocatoria dunha manifestación en Santiago de Compostela para o domingo 20 de agosto ás 12h. Moitos dos integrantes do colectivo xa veñen participando nas concentracións que estes días tiveron lugar en varios puntos do país e agora traballan para a reactivación da rede de colaboración entre centos de asociacións de todo o país e fai un chamamento á sociedade galega a mobilizarse activamente contra o terrorismo incendiario.

 

ourense(lume IV)

sen palabras.

8.10.2006

 

edelmiro (lume III)

A revolución agrícola en Galiza foi tardía, abrupta e inacabada.
Este foi o comezo dunha das mellores clases ás que tiven a sorte de asistir en toda a miña vida académica. a materia era Estrutura Económica de Galiza; o curso 3º de Economía; o profesor era el.
Durante máis de 10 anos falei e falei polos bares de humidtown do meu profesor dicindo que, si chegado o momento do cambio non contaban con el para opinar do agro do noso país, é que estaban todos tolos.
O cambio polo que tanto devecíamos chegou, e contaron con el.
Nas aulas, o mestre falábanos da situación dramática que se estaba producindo no agro; da brutal despoboación que tiña lugar segundo a segundo, das nefastas consecuencias do (mono)cultivo forestal, do abandono do monte... a súa análise era ordeada, profunda, seria, clarividente. facíanos pensar e rabuñaba e rabuñaba nas nosas cabezas –polo menos na miña- para que víramos a gravidade do problema, e tamén o difícil que podería ser dar marcha atrás. e daba solucións. solucións complexas -como os problemas-. solucións valentes.
cando os botamos, unha das maiores alegrías que levei co cambio (a outra xa a sabedes, i guess) foi saber que para intentar o desenvolvemento rural da ghalleira, el tería algo que dicir.
pasou un ano xa; agora as lapas dos lumes que nos queiman por dentro non nos deixan ver nada. teño a esperanza de que o escoitaron, teño a esperanza de que falou , teño a esperanza de que os efectos das medidas que adoptou veranse a medio/longo prazo, teño a esperanza de que a arañeira que pode chegar a ser a administración non puido con el. en fin, que aínda teño algunha esperanza.
Edelmiro: we need you.

8.08.2006

 

preguntas e respostas (lume II)

Nas últimas conversas que teño con cesare (moitas e longas) non aparece a persoa que sempre pon luz cando pensa en alto, que é quen de ter os ollos en moitos lados par eliminar as repostas doadas ás preguntas complexas. fágolle a pregunta totalmente desconcertada, cegada, indignada, cabreada, triste: ¿ quen lle prende lume ao monte?. cae unha botella de viño enteiriña nunha cea con menos gargalladas do habitual, aparecen a marquesa e barreiro rivas con máis preguntas e poucas respostas. escoitamolos: nada, non entendemos nada.
cesare non cre na teoría da conspiración pero non sabe moi ben por que; eu si que creo, pero tampouco sei a causa da miña fe
(e aínda por riba, meteogalicia ven con estas)

 

preguntas e respostas (lume I)

Onte, mentras ceo con cesare na de arghallante máximo, entra esta sms no meu nokia: Din que galiza arde e ¿ onde están os de NUNCA MÁIS?
remítemo a filla pequena do alcalde do meu pobo.
nen as lapas que nos fan cinza por dentro estes días, poden coa súa xenreira.
á pregunta: buscanse respostas.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?