11.30.2005

 

voltarei

estou sumida nun estado de bloqueo absoluto. abro as tripas e non me dá saído nada que contar, nada que lle poida resultar entretido, interesante, cómico ou patético a ninguén. a semana horribilis e algunha pilula deixaron profundas pegadas no meu estado de ánimo e aínda non recuperei de todo; polo medio foron chegando chamadas dos amigos, mails agarimosos e ilusións de futuro. axudan, claro; e o que resta supoño que será cousa miña. penso nas vacacións, póñome mans á obra e prometo voltar aquí.

11.23.2005

 

o choio VIII

cando as cousas teñen un nome, non vexo porque teño que enganarme chamándolle por outro.

 

o choio VII

aí atrás esquecera unha máxima que me conviña ter moi presente: aínda que as cousas vaian mal, sempre poden ir a peor, sobre todo se te ves rodeada de xente que non ten clara a diferencia entre súbdito e cidadán. 216 anos despois.

11.21.2005

 

bernabéu




por
favor,
non
se
cansen
de
aplaudir.
0-3.

 

problema

que os hooligans estean atacando ao presidente do goberno como están, que utilicen o estatut como o están facendo, que entren nun xogo perigoso de enfrontamento territorial, que acusen permanentemente a zapatero de alta traizón, irresponsable, matrix....todo isto era previsible; ao fin e ao cabo o gran referente da "nosa dereita" non é un de gaulle, un adenauer ou un churchill; non, é un tal francisco franco (alguén se pode imaxinar que en alemaña existise unha fundación hitleriana sostida con fondos publicos?, por que o proceso de desnazificación que tivo lugar en alemaña despois da SGM é incuestionable e moi pouca xente parece preguntarse por que aquí é perfectamente prescindible?)
que a cope estea incendiando todo o que pode, mezclando constantemente asuntos económicos, con asuntos territoriais e políticos, que envolva todas as súas palabras coa bandeira rojigualda e que reparta hostias co cruzifixo como arma arroxadiza; nada disto, desgraciadamente é sorprendente.
os problemas do goberno do estado non son eses, ou polo menos non só. o problema é que frente a este ataque está só, desasistido, abandonado por articulistas e opinadores públicos; o problema é que xente nas antípodas do pp usan o contra o estatut a mesma virulencia que o propio pp; por aí é feble o goberno, non polo lado dos federicos e dos zaplanas.
o psoe está pagando erros doutros anos, xa non penso só en ibarras e bonos, non: o anticatalanismo, o antiestatutismo que se palpa é froito dun prexuizo ideolóxico, dunha idea predeterminada de españa, dunha idea definida nunha artigo fundamental dun texto constitucional escrito cunha presión ten indefendible como indiscutible .como se pode ter por inmutable unha constitución feita co medo coa que se fixo a de 1978 ?). e, sen embargo, o psoe , cando puido, non quixo ou non soubo reencamiñar , nin sequera matizar esta idea...ata que necesitou a pujol. aguantaron a LOAPA ata o final, presentaron a redondo terreros; FG definiu a un ministro de franco como " o home ao que lle cabe o estado na cabeza" e mandóunolo a nós, azuzaron ao foro de ermua e abrazaron a savater , asinaron co pp todo canto pacto antiterrorista había, votaron a lei de partidos.....
agora parece que queren virar o rumbo, pero teñen que ir soltando lastre e os pelouros cos que carga son moi grandes. ogallá poidan.

11.18.2005

 

i wonder


agora pregúntome se como viña sendo habitual nos últimos tempos, pasaremos xuntas o fin de ano. (isto si que é arriscar a imaxe).

 

vrao II

Por de fronte, a enseada baleeiros co seu areal bravo e azulísimo, máis á esquerda o sonoroso cabo de corrubedo, e despois a badía toda coas dunas e o arco de praia rematando nos cons e farallóns de aguiño. mesmo ao pé, cara o norte, estaba a praia do espiñeirido, e despois a de basoñas, por diante da lagoa de muro e da de xuño. despois a praia de río sieira e a das furnas. posto xa nesa liña do norte, erguendo a vista,a cinguida ría de muros con montelouro na estrema a una lado e barbanza da curota e do iroite lonxe, ao outro. amei aquela terra toda coma se fose a primeira miña.

11.16.2005

 

pegadas

aínda non entendo moi ben por que el nunca pasa por aquí.
ou por que pasa sen deixar pegadas.
co fácil que lle resultaría deixalas.
e co que acompañan.
e co que duran.

11.15.2005

 

arañeiras

mentres en humidtown arghallante máximo vai tecendo arañeiras que dun ou doutro xeito me poden influir, eu permanezo na ciutat (medio) allea a estas o.m.d. o sábado vou cos pisuergos a un concerto que hai nun concello pegado a ciutat onde a porcentaxe de poboación inmigrante seica anda polo 40 %. o que se respira na é incríble e só imaxinar o que poden estar sentindo os que bailan ao meu carón ponme a pel de galiña; hai familias enterias que ao tempo que repiten as cancións parece que emprenden unha viaxe soñada. a medida que pasan os minutos a calor que hai alí medra e os sorrisos e olladas que vexo quedan na memoria para sempre. chamo a wozzeck para que comparta conmigo parte da emoción e a a-cal-y-canto regálolle unha das súas cancións favoritas grazas ao meu nokia. lembro que cando aínda moceaba con lars este músico veu a humidtown e eu desistira de acompañalo porque a miña tristura pedíame bulir dun lado pra outro e non rabuñar moito nos sentimentos. catro anos despois, a 1193 km de distancia, sen tristura pero con lars, tópome con el no mellor lugar posible.

 

artigo 36

conta cesare unha anécdota que lle ven de pasar na aeat. a historia é tan repetida que dá boa conta do que significa o bilingüismo harmónico.
hai xa uns cantos anos, cando fixen a miña primeira declaración do IRPF, pedinlle á funcionara que me atendeu que me dera os impresos en galego. ela miroume de xeito condescendente e soltoume nun ton indescriptible e en perfecto castelán "no, mira, te estás confundiendo. la aeat pertenece a la administración del estado y el idioma de dicha administración es el castellano..." . falaba e falaba citándome a lei de normalización lingüística e a omnipresente constitución española. eu vina vir e deixeina deleitarse no seu propio discurso; cando rematou e, ao mesmo tempo que me entregaba os impresos en castelán, xa que a lei estaba da súa parte, saquei o monstro que hai en min e a miña memoria de opositora e chanteillo, palabra por palabra, con puntos e comas e coas pausas precisas. para que vira ben claro que non só me sabía, coma ela, a lei de normalización lingüística e a constitución senón tamén a lei de réxime xurídico e do procedemento administrativo común e, sobre todo, que tiña clarísimo o artigo 6.1 do código civil que a ela non lle viña mal ter presente. a lei estaba da miña parte e eu quería os meus impresos en galego.

11.11.2005

 

xenio

ás veces, como lle ocorre a moitos xenios, despístase e despístanos, pero con el hai unha garantía: sempre volve. dende o primeiro fotograma, anúnciasenos que match point será unha das grandes. do que se podería facer unha historia máis, allen fai unha (outra) obra maestra, unha maquiávelica obra maestra. e iso que -mesmo sabendo que está aí- costa velo detrás desta película, costa crer que algúen poda reinventarse deste xeito. dá igual que sexa londres ou nova york, que actúe ou con non o faga, que me faga rir ou que me conxele no asento, que sexa comedia ou traxedia; woody allen fai cousas así. cun guión xenial, unhas actuacións memorabeis e unha dirección precisa e portentosa, durante dúas horas woody allen fainos bucear por todos os recovecos da alma, do amor, da paixón e dos escrúpulos do ser humano, fainos reflexionar sobre a importancia da sorte, sobre a importancia de shakespeare, de bergman, de hithcock, de dostoievski. fainos reflexionar sobre a importancia del mesmo nas nosas vidas. allen é un xenio e match point unha película redonda, a estrea do ano, dos anos. e aqueles que, despois de vela, sigan dicindo que fai sempre a mesma película que vaian con el ao psicoanalista (ou á gardería).

11.10.2005

 

portas

parece que se abren novas portas.

 

agasallo


heiche mercar unha camisola destas, rapaz,
pra que non se metan máis (con te,ti) contigo.

11.09.2005

 

novidades

Teño unha nova tarefa laboral: ensobrar cartas.
e se isto é eficiencia no funcionamento da administración.
e se para iso valen os 100 temas de dereito administrativo, político e financieiro que tiven que estudar.
e se isto non é un fraude aos cidadáns.
se estou tan errada.
pararei de queixarme.
sr. cesare, se se lle ocorre algo, avíseme. se non vou.

 

yin e yan

Nunha das noites de humidtown acabamos lars, wozzeck e eu compartindo algo de licor ( non moito) nun bar desanxelado. falamos de viaxes, de amor e desamor e de poesía; ao final, non puiden evitar sacar o tema (sorry). como se fosen o yin e o yan, ambos complementaban á perfección os seus consellos. ensaiamos como falarlle a acalycanto para deixarlle claro que, por riba de calqueira cousa, é un dos meus máis prezados amigos (e os meus amigos saben que iso é para sempre), falamos da posibildade de permanecer aquí e dos esforzos a facer, de trens que pasan e da (in)conveniencia de subirse neles, dos síntomas da enfermidade da recién chegada que comparto con thomas bernhard. ao final de tantas palabras, e na miña condición de funámbula, fago un exercicio de síntese suicida nomeando a miña bicicleta. a complicidade da noite e da compaña fixo que os meus amigos risen e entendesen perfectamente o que quería dicir.

11.08.2005

 

o mellor e o peor

Despois dunha semana en humidtown, coas présas e pausas xustas e convintes, regreso á ciutat. Un dos grandes praceres de voltar a calqueira sitio despois de estar algún tempo fóra é ver que todo segue igual, tal e como o deixei, tal e como o lembrei. O mellor de humidtown é ver que os meus amigos, a miña xente, os meus bares, a miña terraza, a miña rúa, o mercado de abastos e o cineuropa son inmutabeis; logo de dez minutos teño a sensación de non ter marchado nunca. Neses primeiros momentos ninguén é quen de quitarme a felicidade do reencontro.
Unha das grandes amarguras de voltar a calqueira sitio despois de estar algún tempo fóra é ver que todo segue igual, tal e como o deixei, tal e como o lembrei. O peor de humidtown é ver como os cancios do día e da noite, a claustrofobia social, as falsas exaltacións da amizade, algunhas conversas e compañas son inmutabeis. Cando veño no tren dende bcn á ciutat ninguén é quen de quitarme a felicidade melancólica do regreso.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?