9.29.2005

 

sospeitas

A báscula dunha farmacia do centro da ciutat confirma as sospeitas que anunciaban os meus pantalóns:
altura: 162 cm
peso: 52.300 kg
i.m.c: 19.8
O aparato advirte: "se vostede é unha muller o seu peso ideal serían 56.000kg. Se o i.m.c é inferior a 20 vostede ten baixo peso".
Eu creo que a culpa é do pan e de que arghallante máximo non mira por min. Mandaime unhas boliñas ou unhas empanadas que xa me porei maos á obra.

 

macro e micro

Cada mañá, cando veño a frikilandia, atopo o mesmo panorama que me fai abrir os ollos aínda preguiceiros: unha cola con centos de persoas de todas as idades e cores na búsqueda duns papeis que lles permitan vivir o máis parecido a nós. Cando vexo a súa mirada cansa e angustiada, os beneficios para a caixa única da seguridade social non me importan nada. As leccións de macroeeconomia que recibín durante 4 anos non valen ren. Na cola domina por riba de todo a nova camiseta amarela do barça co nome do gaucho no lombo. Supoño que mostra un desexo inequívoco de integración.
Cando atraveso a fila silenciosa, intento domar os demos que traio por dentro para poder ofrecer un sorriso. Onte mentres a atravesaba puiden ver como alguén lía a insoportable levidade do ser.

9.28.2005

 

o choio VI (homenaxe ás rías baixas)




Estou ata a necha. (perdón por repetirme)

9.27.2005

 

gil de biedma

Hai certo tipo de exposicións que non acabo de entender. Vou á pedrera a unha sobre jaime gil de biedma anunciada a bombo e platillo na prensa nacional. Saio alucinada e sen entender como se pode publicitar semellante cousa.
Vaia por diante que falamos dun dos meus poetas favoritos ("gústache porque é de entender" díxeronme unha vez apreciando a miña sensibilidade poética) e que tiña unha ganas enormes de ver que se ofrecía. Pois ben, o que se ofrecía era un insulto: poemas colocados polas paredes da sá, fotos do poeta, libros da súa bibiloteca particular, unha
poesía repetida machaconamente por uns altavoces provocando un enorme desexo de marchar e un video proxectado sobre unha parede, dunha duración de seis minutos, de jaime gil de biedma lendo algunha das súas obras. O son era tan nefasto que só oias a poesía repetida machaconamente.....
Eu non son experta en exposicións nin teño visitado moitas, por eso pido que algúen me explique que sentido teñen este tipo de altares fetichistas e cal é o atractivo que presuntamente se lle ofrece ao visitante.
Teño a esperanza de que ningún familiar perigoso leve parte dos beneficios.
O poeta morto sae indemne, claro.

 

Bcn

Paso a finde con paparazzo e a súa moza en Bcn. Dende a primeira vez que a visitei, cando aínda era preolímpica, Bcn gústame cada vez menos. Vexo nela unha cidade que se empeña en destruir a pasos de xigante a súa personalidade. "Bcn non sabe a nada" díxome hai dous anos un medio curmao que vive alí.
Cada vez que veño, comprobo que tiña razón.
Pese a todo, ten unha das miñas prazas favoritas do mundo
.

9.23.2005

 

NUNCA MAIS


9.22.2005

 

libros

A mente dispérsame entre catro ou cinco libros que andan estrados por riba do meu sofá: breve estudo da vida e obra de caravaggio, a historia do cine de román gubern, a poesía completa de álvaro cunqueiro e un libro de gramática de catalán (nivel medio!). Polo medio algún que me caeu da maos. Non sei se sería pola presión de cesare, pola inesperada volta do vrao, pola visita de regina ou, simplesmente, porque non estou para novelas de 1000 páxinas con diálogos que duran follas e follas, pero onte, por terceira vez, abrín a montaña máxica na páxina 324 e pecheina na 325 sen que nada, nada, me levase a facer o pequeno/gran esforzo que era pasar á 326. Ademáis, que carallo, un libro nunca debe ser un esforzo (e de aí que algún do canon servira durante anos para aguantar a pata tonta da cama). Dende logo que non serei eu quen fale de filosofía de garrafón nin quen diga que mann escribe sen dicir nada. Como fixen noutras ocasións, ás veces con éxito e ás veces non, pecharei a maxia da montaña ata que aos días lles empece a faltar a luz e, daquela, abrireino pola páxina 325 e verei que pasa. O que me asusta e pensar que tipo de ambiente precisarei pra ler ohomesenatributos. Se cadra, como fixo algúen teño que ir a noruega a buscarme a min mesma. Ou traballar durante anos na TVG.

9.21.2005

 

instantiño





sin que naide o soupera

houbo un intre puro
no que nada houbo.
Agora,
na palma da ágoa,
da sombra o fruto do instantiño aquel.

9.19.2005

 

o choio V

Estou ata a cona.

 

miopía


Saio da casa sen os lentes para dar un paseo pola ciutat mentres escoito os tronos ao lonxe. Ao tempo que camiño os meus ollos van do ceo aos escaparates das rúas do barri vell. Atopo unha tenda na que dende fóra vexo centos de botes de cristal con mil cores dentro: o meu paradiso, unha tenda especializada en mermeladas.
Entro convencida de que que sairei dalí dando bricos de ledicia e pensando xa no almorzo do día seguinte. Cando xa teño decidido que mercarei a mermelada verde (de figos , imaxino) e a amarela (de limón, penso) decátome de que estou nunha tenda de bricolage ou manualidades. As mermeladas son pinturas. Por se alguén non o sabe, iso significa ser miope.

9.15.2005

 

chanclas

Deixando a un lado o tema laboral, as cousas van ben por aquí: aínda se poden calzar as chanclas.

 

dalí


Despois de ir con regina ao museo dalí de figueres aínda non sei se me gustan ou non os seus cadros. Sei, definitivamente, que o que non son cadros non me gusta nada. Mentres vou de sá en sá, acórdame que con 16 anos descubrín nos estantes da casa de meus pais un libro sobre el e que lía na cama o significado dos reloxios brandos e das formigas, e buscaba, brincando, cans no medio de copas con peras e melenas loiras. Daquela tampouco sabía se me gustaba ou non, e lembro con vergoña como saían da miña boca frases como "coma debuxante si, coma pintor non". Agora que vin os cadros de verdade sigo brincando e flipo cada vez máis aínda que non me defina. Fascíname un pan que parece que acaba de saír do forno e que parece que vai sair do cadro, a cara de gala deconstruída, o quixote, o retrato da buñuel e outros que non me veñen a cabeza . Como era previsible espántanme o cadillac, os cadros telúricos e escatóloxicos e, por riba de todo, a representración real da cara de mae west. Saio do museo con bon corpo e con ganas de volver en tempos de inverno. Creo.

 

figos


Unha compañeira de frikilandia que se salva da queima e que me coida como unha mai, tráeme do seu pobo un cestiño cheo de figos, verdes e negros. Cos figos pásame como a cal-y-canto coas cereixas: cando chega o seu tempo tento comelos a diario, porque se non o fago, paréceme que estou deixando pasar unha das cousas máis marabillosas do mes de setembro. Se alguén atopa unha froita máis fermosa que esta, por favor, que mo faga saber. Irei buscala ao cabo do mundo.

 

visita

Vou recuperando a normalidade na ciutat tras a marcha de regina a sicilia. Nos cinco días que pasou conmigo, entre tornados e tormentas, pouco tivemos tempo a facer e quédame a dúbida de se se foi coa sensación de ter perdido a viaxe. Paseamos por banyoles e pola vila de besalú, mercamos pastanagas, figues, carbassós e pomas nunha tenda con prezos de aí, intercambiamos pistos e tortillas de patacas de balde, visitamos-con máis pena que gloria- tossa de mar, tomamos o sol en roses despois de cruzar o cap de creus e perdernos en busca dun mosteiro. En figueres collimos do lixo unhas preciosas caixas de cartón e flipamos (mesmo estando derrengadas) durante máis de catro horas no museo de dalí. Todo discurriu con calma, con tempo pra ir ao mercado, pra visitar os postos de frores que me atopo todos os sábados ao poñer os pés na rúa, pra ler o xornal o domingo de mañá nun banco ás beiras do río e, por suposto, pra almorzar con toda a tranquilidade da que fomos capaces. O luns, despedímonos na porta do meu traballo coa idea de vernos en novembro en humidtown. Ela marchou coa súa maleta de rodas e eu quedei preguntándome se lle prestara tanto a visita coma a min.

9.14.2005

 

o choio IV


Para mellorar a situación cámbianme de mesa, de ordenador e casi de ideoloxía. O novo aparato que me prestan é o precursor do 386: non me deixa abrir os documentos de acrobat que permiten ler o Diario Oficial de Galicia. Eu tampouco insisto moito, non vaia ser que produza unha reacción nuclear or something. Se a través do DOG vedes que me chaman de San Caetano avisádeme facendo sinais de fume, que dentro de pouco será o xeito de comunicación laboral no que me atope máis solta.

9.13.2005

 

o choio III

Aquí, en frikilandia, mándanme facer un curso de windows XP de 25 horas. Levo unha semana pensando pra que pode servir isto nun sitio onde aínda se traballa con manguiños e os monsters quedan pasmados mirando a impresora coma se fora cousa do Mago Antón. Supoño que cando falan da formación dos traballadores non se estarán referindo a isto.

9.08.2005

 

prefixo


Así como onte lles tocou a outros, hoxe é o día no que eu cambio de prefixo. Entro de cheo nunha nova década que xa comparto cos amigos que foron chegando alí aos poucos.
Hai xusto un ano recibín agasallos que me acompañan ata aquí: un chan cuberto de libros azuis con bolas de papel, un quitasuspiros (?) e o pack completo de películas do pequeno gran xenio xudeo que vexo e revexo sen cansarme.
Onte regina, que ven pasar uns días conmigo, dame a esperada historia do cine que leo na miña cama ao tempo en que fago o tránsito á esa presunta madurez que me nego a asumir. Mentres remexo nas tuberías de cidadán kane fago un balance destes últimos doces meses e saeme mais positivo que a zapatero o seu primeiro ano de governo: os mellores amigos e amigas que nunca soñei, o traballo definitivo, as 6 semanas en ciudad-ajo e que me permitiron coñecela de verdade, este destino, o cambio que levo agardando dende a primeira vez que votei, o novo cd de tom waits, o descubrimento (xa sei que tardío) de coetzee, w.g.sebald e haruki murakami, a casa rural de salamanca compartindo cama con cesare, a miña nova bicicleta, a amizade-parece que consolidada- con a-cal-y-canto e as risas compartidas, a liga "aquest any si", a mermelada de amoras co pequenosaltmontes, a pulseira no nocello....en fin, e tantas e tantas cousas que se me esquecen poñer aquí.
Seguro que tamén houbo algunha sombra, algún nubarrón e mooooitas lagoas, fuentes, que non fun quen de encher.
Pero xa faleri delas aló polo outono, cando chegue o tempo de leonard cohen. Se é que chega.

9.07.2005

 

princesas


Vou ver princesas e fago a miña primeira inmersión nos cines da ciutat. A quen lle gustou Barrio gustaralle esta película tamén; o tipo de persoaxe, os diálogos e o sentido do humor recordan a aqueles tres rapaces que non sabían que facer cunha moto acuática en pleno mes de agosto nas aforas de madrid. Por iso, dende a miña butaca, teño ás veces uhna sensción de dejá vu ao escoitar a voz de caye e zule. A pesares de que non consigue sorprenderme, a película si consegue emociarme ata os tuétanos e voume pra casa co corpo ago desencaixado e pensando en cantas cidades distintas caben na fascinate ciudad-ajo. Creo que a próxima visita que lle faga a unha sá de cine nun día que anuncie o outono será pra ver charlie e a fábrica de chocolate. Ou algo así.
Quédame a dúbida de saber como aguantará princesas unha segunda visión; ata o de agora as pelis de fernando león non a aguantaron ben.
A cesare non lle gustará. Á madriña si.

 

princesas II



¿Ti tés nostalxia? Ter nostalxia está ben porque significa que botas en falta algo que che pasou e do que tés un bo recordo e quixeras que estivera aquí de novo. Eu non teño nostalxia porque nunca me pasou nada que desexe que volva a pasar...bueno..¿é posible ter nostalxia de algo que non pasou aínda?. Eu diso si que teño. Ás veces imaxino a miña vida no futuro, cos rapaces...non sei, é como a fianza do piso...algo que pos por diante, pero porque sabes que vai chegar.....

9.02.2005

 

lost in translation



Como sempre fai, o pequenosaltamontes, mándame un mail que se sae do común e que me fai sentir afortunada.
Cóntame das alteracións que lle acontecen cando veñen os exames de setembro e dunha fermosa historia dun salvapantallas que me toca o corazón.
Deixa ver a posibilidade de vernos, se non antes, en novembro ou decembro. Eu xa o agardo aquí, así, deste xeito: lost in translation.

 

planificando

Lars anuncia a súa visita....aló por maio do 2006.

 

adolescencia

Na pantalla do meu Nokia vexo un número descoñecido. Como recentemente perdín a axenda do móbil, penso que é alguén a quen ainda non gravei. Cando descolgo, unha voz de muller dime: ola, non me coñeces?. Busco na m¡ña memoria e non a ubico a pesares de que a voz me resulta familiar. Insiste: xa nen lembras a miña voz. Nese momento encéndeseme a bombilla: é yoko ono, a miña amiga da alma dos tempos felices que vivín en little-xibraltar, e da que non tiña novas dende hai, canto menos, 4 anos.
Falamos unha hora polo teléfono de xeito atropellado, intentando poñernos ao día das nosas vidas e amigos comúns. Eu cóntolle da miña nova residencia na ciutat, da miña oposición aprobada, do meu vrao desenfrenado e daquela tormentosa relación que vivín hai xa bastantes anos e que tanto lle preocupou. Ela fálame da súa vida na empresa privada, cóntame que vive coa súa parella na parte máis fermosa de little-xibraltar, ponme ao tanto de moceríos e divorcios, e dime que en nada, en apenas un mes, terá unha nena á que pensa poñerlle un fermoso nome galego.
Cando eu vivía no 2ºB daquela rúa do pobo, yoko vivía no 3ºB e fixémonos amigas ao intuir afinidades a través da música que cada unha de nós escoitaba na súa casa e que se filtraba a través das paredes. A partir de aí as afinidades presentidas resutaron ser moito maiores. Chegou a miña mudanza, entre bágoas, á vila e coidoume cada hora do día.
Logo comecei a vivir aquela historia (con síndrome de estocolmo inclúido), e as poucas novas que tiven dela chegaban por coñecidos que atopaba nos bares de humidtown.
Despois da conversa doume conta de que hai amigos que notas ao ladiño anque estés a 10 anos e 1200 kilómetros de distancia. E medro por dentro.

 

haiti

Vexo unhas imaxes en CNN+ de xente remando polo medio da estrada encima de barcas improvisadas para esta emerxencia. O pé da pantalla dime que é New Orleans pero eu abro ben os ollos e vexo Haiti. Sucede que dentro daquela, está este. Falan de pillaxes, roubos, tiros cruzados entre as bandas e a policía; do que non falan e de que na primeira potencia mundial os pobres máis pobres,unha vez máis, pero agora de xeito demasiado obvio, foron abandonados e hacinados en pabellóns polideportivos; non din que, se cadra, as autoridades aproveitron a visita de katrina para limpar a cidade; non falan da xente que ten fame e frío e que durme cun cadáver ao seu lado.

Mentres tanto, na súa primeira aparición pública, o home que , certamente só comparte un 1% dos seus xens cos chimpacés, presenta as súas solucións, véxase: que parte dos policías adicados ao rescate da xente pase a tarefas de perseguir "delincuentes"; a segunda proposta é que non se reposte gasolina. Das reservas de petróleo do país nin se fala.

Ao tempo que escribo, lembro unha canción de Tom Waits e outra do Caetano.

Agora si que se me aparecen os deuses.


9.01.2005

 

O choio II


A forza de tropezar con elas, voume acostumando a ver, cada día, estas caras en frikilandia. Tamén a oir sobre as once da mañá un ruido de bolsas de plásticos que empezan a abrirse para sacar o bocadillo "que todos llevamos dentro". Do mesmo xeito, xa é habitual e familiar que se dirixan a min co mesmo nome que ten o pobo da miña avoa e que eu vire a cabeza á primeira
O labor que desempeño vai de fogueteiros, trabucaires, tiradas al plat, focs artificials e voladuras de canteiras para a construcción do AVE en Europa...A conta das autorizacións para as distintas festas que hai en toda a provincia, un tal miquel roca (que non é aquél), responsable da área de festexos dunha cidade do interior, dame o seu móbil e invítame a ir bailar coa orquestra que anime o lugar, non sen antes preguntarme que fai unha galega aquí.
A situación de abstinecia de todo tipo na que vivo dende hai xa un mes, faime dicir que alí estarei sen ter idea algunha de como é o tal miquel.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?